lunes, 7 de junio de 2010

Traballo inviste por primeira vez un millón de euros en accións formativas destinadas á inserción laboral das persoas inmigrantes


O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a orde destinada aos desempregados inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego ou persoas ocupadas

Poderán solicitar as axudas, no prazo dun mes a partir de mañá, as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos e as corporacións locais

O importe das subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, poderá alcanzar o cen por cento do custe do programa

Santiago, 7 de xuño de 2010.- O Goberno galego vén de destinar 1,1 millóns de euros a axudas dirixidas ao desenvolvemento de accións de orientación laboral e de mellora da empregabilidade para acadar a inserción laboral da poboación inmigrante de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde, novidosa na Comunidade autónoma, que está destinada aos desempregados inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego ou ben persoas ocupadas.

Serán as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos e as corporacións locais as que poderán solicitar a subvención para despois xestionar eles as diferentes accións a realizar. O importe das axudas poderá alcanzar o cen por cento do custe do programa. Os interesados en acceder a esta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar disporán dun mes a contar a partir de mañá para presentar as súas solicitudes.

Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral dos participantes se logrou cando durante a vixencia do programa e, durante un período dun ano como mínimo, se acredite a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia das persoas desempregadas participantes no dito plan. Tamén cando o traballador o traballadora en situación de desemprego sexa contratado por conta allea por unha duración non inferior a seis meses.

Ademais, polo menos o 30 por cento das persoas beneficiarias das accións incluídas dentro dun itinerario de orientación laboral e de mellora da empregabilidade deberán ser perceptoras de prestacións ou subsididos por desemprego. Quedarán excluídos deste requisito os participantes nos programas que sexan na súa totalidade persoas desempregadas admitidas no plan de renda activa de inserción ou beneficiarias da RISGA.

O prazo de execución dos programas será o período comprendido entre a data da resolución de concesión da subvención e o 30 de novembro de 2010.

FUENTE: XUNTA DE GALICIA