lunes, 9 de marzo de 2009

Educación do Concello pon en marcha a campaña Contarte para achegar ó alumnado ao mundo da arte



A Concellería de Educación do Concello de Vigo pon en marcha dende o luns día 9 e ata o 2 de abril (Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil) a campaña Contarte coa que se pretende achegar aos nenos e nenas ao mundo da arte dun xeito lúdico e diferente a través do álbum ilustrado e incidir así no fomento do hábito lector entre os máis cativos.

En colaboración con OQO Editora, con ampla e recoñecida traxectoria en actividades de dinamización pedagóxica de animación á lectura, durante este período realizaranse obradoiros especialmente deseñados para traballar á lectura do conto coma un espacio de achega á literatura, a interculturalidade e á creación artística.


Prevese a participación neste programa lector, formativo e de entretemento de máis de 2.600 alumnos e alumnas de educación Primaria de 23 centros escolares de Vigo aos que, con estas actividades, se tentará promover o desenvolvemento do seu espírito crítico e ofrecerlle medios para aprender novas formas de mirar.

Exposición e conferencia inaugural

Todo elo está complementado coa exposición permanente O gran libro dos retratos de animais, que albergará as dependencias do Instituto Municipal de Educación (IME) dende o 9 de marzo ao 2 de abril.

A inauguración da mostra contará coa conferencia ‘Da tradición oral ao álbum ilustrado’, que se celebrará no salón de actos deste recinto ás 19.00 horas, no que asistencia será gratuíta e aberta ata completar o aforo. O IME tamén ofertará ao longo das tardes do martes de marzo un calendario de obradoiros de asistencia aberta.

Fuente: Xornal Concello de Vigo
Noticias en GALLEGO